martes 26 de febrero de 2008

Zapatero 0-1 Rajoy















Sen lugar a dúbida o debate de onte deu de si o que todos nos esperabamos. Quizais Mariano Rajoy foi ata demasiado brando ante determinados temas que sempre tivo tan claros por exemplo os Estatutos de Autonomía, pero non queda ningunha dúbida de que foi o único que quería falar da realidade española na actualidade mentres Zapatero se escondía unha e outra vez, como fixo durante toda a lexislatura, no pasado e na súa tan querida memoria histórica.
Rajoy díxolle a Zapatero as cousas como son, coas súas ideas ben claras e sen contemplacións. Atreveuse a dicirlle ó señor Presidente, e ante iso quítome o sombreiro, que durante estes catro anos se dedicou a agredir ás vítimas do terrorismo. A esquerda e os seus medios afíns dramatizarán as palabras de Rajoy e tacharano de politicamente incorrecto, pero díxolle a verdade e non mentiu como fixo Zapatero ante un tema tan delicado como o terrorismo. Persecución constante ó presidente da Asociación de Vítimas do Terrorismo, comparacións tan absurdas como a desgracia de Irene Vila e a súa nai, e a morte do seu avó, descualificacións e desprezo ante as multitudinarias manifestacións das vítimas, e un longo etcétera. Ata persoas achegadas ó goberno se permitiron a triste licencia de declarar que a certa persoa lle tocou a lotería cando ETA asasinou ó seu familiar. Todo iso é unha clara agresión ás vítimas e eu persoalmente apoio e defendo as palabras de Rajoy.
Mariano estivo brillante na súa referencia á existencia de dous Zapateiros totalmente contrarios na súa forma de actuar en materia de terrorismo. Deixou ó noso presidente como un auténtico mentireiro e farsante.
En educación, fracaso escolar de Zapatero fronte a máis bolsas e oportunidades que ofrece Rajoy, así como un maior recoñecemento do mérito persoal do alumnado.
En economía, datos macroeconómicos de Zapatero fronte á evidente crise económica exposta por Rajoy e que todos estamos sufrindo.
En inmigración e seguridade, absolutamente nada, soamente máis memoria histórica de Zapatero, fronte a medidas contundentes programadas por Rajoy.
En política social, ó meu parecer non gaña ninguén porque cada un defende un modelo, iso si, Rajoy deixa en evidencia a eficacia da Lei da Dependencia.
E en canto a Investigación é probable que sexa o único que mellorou este goberno e é o único tema no que lle dou a vitoria, iso si, porque me creo os datos, que vendo quen os deu xa non sabemos se son verdade ou mentira.
En definitiva, 0-1 para Rajoy, que a próxima semana "xoga en casa", posto que terá a honra de pechar os temas do debate.
Se o fai como onte, será un firme candidato a gaña-la final do próximo 9 de Marzo.

sábado 16 de febrero de 2008

Magnífico vídeo realizado por NNXX de Galicia

viernes 15 de febrero de 2008

E ti... ¿rompes con Zapatero?

lunes 11 de febrero de 2008

Eso sí é un delito


















Foron quince anos, quince longos anos perseguindo ó grupo municipal do Partido Popular que gobernaba A Estrada no ano 1993. Ramón Campos e os seus edís foron sinalados e inxuriados unha e outra vez dende a extrema esquerda estradense, mentres a maioría absoluta do PP se producía comicio tras comicio electoral.
Ante a imposibilidade de competir políticamente contra o Partido Popular, o BNG creu que os Tribunais serían o seu cabalo de batalla para desgastar ó Goberno. Devandito desgaste por suposto que se produciu, pero a un nivel no que o PP xamáis tería perdido a súa maioría.
O desgaste popular, e sábeo toda a cidadanía estradense, incluída a nacionalista, posto que é un tema que está presente na rúa, veu producido por unha última lexislatura bastante desafortunada para os intereses xerais dos estradenses.
Como todos sabedes, o BNG saíu derrotado por vía xudicial, pero políticamente, por primeira vez na súa historia e tras perder votos considerablemente, forma goberno xunto co Partido Socialista. Quizáis sexa ese o motivo polo cal o BNG, a pesar de dicir estar convencido de que non se fixo xusticia e de permitirse a licencia de declarar culpables ás persoas implicadas (véxanse certas webs afíns), non ten as agallas suficientes para recorrer a sentencia ditada.
Para o que sí ten agallas o BNG, e iso sí é telas, é para saír en rolda de prensa declarando que o seu obxectivo era apear ó Partido Popular do goberno e que iso xa o conseguiron porque a cidadanía ditou sentencia.
Pois ben, se o pobo utilizase as pasadas eleccións de Maio para ditar sentencia en relación co caso do ano 93, o BNG non tería sido case a cuarta forza máis votada (terceira de milagre).
O Bloque Nacionalista Galego debería avergoñarse de que o seu máximo responsable na Estrada, Xosé Manuel Baños, sexa capaz de recoñecer ter utilizada a xusticia simplemente para desgastar a un goberno, sen interesarlle o resultado da sentencia.
Se fose un partido serio e comprometido deberían cesalo, posto que devanditas palabras sí soan a acto delituoso.

sábado 9 de febrero de 2008

Resumo de 4 anos de desgoberno

viernes 8 de febrero de 2008

Se o sei, non veño... ¿Eh Iñaki?






Hoxe é deses días nos que te levantas máis orgulloso aínda de ser do Partido Popular. Agradezo a quen me avisou de que na noite de onte Iñaki Gabilondo entrevistaría a Mariano Rajoy na cadea de televisión "CATRO" porque verdadeiramente mereceu a pena.
Sabiamos que a descalificación, o ataque e o insulto, encubertos, iso si, baixo preguntas "xornalísticas", raiñaría durante todo o programa e niso non nos equivocamos. Iñaki xogou suxo logo da primeira pregunta sobre o terrorismo, á que Mariano respondeu espléndidamente, e Gabilondo permitiuse o luxo de replicarlle con algo así como "vostedes deberían ser un pouco máis prudentes con este tema" e inmediatamente, e sen respirar, pasou á segunda cuestión.
Pero Mariano é Mariano, e non baixou a garda, todo o contrario, seguiu na súa liña de comerse o mundo porque, como xa dixo en varias ocasións, síntese como nunca e así o demostrou.
Cada pregunta que pasaba, Rajoy estendíase de forma tallante e sempre dando mostras de convicción e de sentido común ante aquelo que estaba dicindo. Daba gusto verlo e oílo. Igrexa, Educación, Matrimonios Homosexuais, Aborto, Inmigración... os temas ían caendo e Mariano mostrábase impecable.
Hai dous puntos que non se me esquecerán e sucederon ante o tema da Economía. En primeiro lugar preguntóuselle qué houbera feito el en materia de Economía para non chegar á situación actual. Gabilondo case ten que mandalo parar porque comezou a enumerar medidas a unha velocidade incrible.
Logo preguntoulle por qué era mellor Pizarro que Solbes, ao que Mariano tivo que conter a risa e explicarlle a ese "grande" xornalista en qué situación deixara Solbes á Economía española en 1996 e como o ía a facer no ano 2008.
Non vou a analizar máis a entrevista porque estou falando de memoria e non podería transcribir exactamente o que dixo Mariano. Supoño que o poderedes ver en Youtube e recoméndovolo porque non ten desperdicio. Sobre todo recoméndollo a todas aquelas persoas do Partido Popular que aínda non confían en Mariano Rajoy. Sinceramente empezo a crer que, como orador, non ten nada que envexar a José María Aznar.
Observade o vídeo e comprobade como ó final da entrevista a cariña de Iñaki é totalmente aquela de "Se o sei, non veño".

jueves 7 de febrero de 2008

A táctica do "Non á guerra" e o "Nunca máis"








Xa puidemos escoitar diversas declaracións de membros do Partido Socialista criticando que o Partido Popular se preocupe en época de precampaña electoral de temas que realmente importan e interesan á cidadanía española. Síntense molestos polo simple feito de que o PP se encargou de lembrar, unha e outra vez, como era obrigación da oposición durante a última lexislatura, que con ETA non se negocia, e que se fose posible facelo, nunca pagando prezo político algún.
En cambio agora, e logo de multitudinarias manifestacións en contra das negociacións do Goberno cos terroristas e en favor da ilegalización de Acción Nacionalista Vasca (ANV) e do Partido Comunista das Terras Vascas (PCTV), toca centrarse en mostrar un programa crible e cheo de propostas que poidan convencer ós españois, que logo da era Aznar, non poderán dubidar da capacidade de xestión do Partido Popular. Pola súa banda, o Partido Socialista, logo de criticar tanta insistencia das vítimas e do apoio incondicional dos conservadores, prepara dita ilegalización como proposta claramente electoralista.
Por iso, e día tras día, o PP presenta propostas innovadoras, estudiadas e traballadas, mentres o PSOE se sinte a remolque porque non sabe o que é preparar unha precampaña deste xeito.
Os socialistas, no 2004, limitáronse a machacar dous temas concentrados noutras tantas palabras: Prestige e Iraq.
Baixo a sombra deses dous pasteis precociñados, cociñados e recociñados, o 11 de Marzo puxo a guinda, e a xornada de reflexión, con RuGALcaba á cabeza, o envoltorio.
Dese xeito tan fácil, a maioría dos electores, moitos dos cales nin sequera coñecían os contidos do programa electoral do Partido Socialista, déronlle a vitoria nas urnas o domingo 14. Moitos deles, por exemplo, non sabían que a Alianza de Civilizacións consistía en arrimarse ós líderes ditatoriais suramericanos, ou en defender contra vento e marea dereitos islamitas no noso país negando os dos propios católicos. Tampouco sabían moitos deles, que ETA voltaría a financiarse nas institucións, nin tampouco que nos dirixiamos cara a un estado laico.
O que non vai a facer o Partido Popular nestas próximas eleccións será gañar á conta das cesións do goberno a ETA. Haberá que recordalo en numerosas ocasións, por suposto que si, porque foron feitos gravísimos e á vista está a situación actual no País Vasco. Pero que lle quede clara unha cousa á esquerda, e é que o Partido Popular poderá perder unhas eleccións a pesar de presentar propostas interesantes ós cidadáns, pero o que non vai a facer xamais, será gañalas presentándose co único argumento de que hai que votar ó PP porque o PSOE negociou con ETA. A táctica do "Non á guerra" e "Nunca máis" que a utilicen outros.

miércoles 6 de febrero de 2008

Presentación de candidatos do Partido Popular

martes 5 de febrero de 2008

Dimisión!!



Benvidos á democracia estradense:
Mentres uns abandonan o poder nas urnas, castigados por un pobo, probablemente de forma merecida e gañada a pulso tras unha última lexislatura chea de problemas e desencantos, chega ao poder... tatatachán... o Be-eNe-Gá, pola porta de atrás, nos despachos, e logo de reducirse case á nada na corporación do municipio. O único argumento que sostiña a devandita agrupación política, utilizado unha e outra vez na rúa, nas súas campañas electorais, nas sesións plenarias e nas súas webs afíns, era a súa acusación, alargada durante anos, contra varios ex-edís do goberno popular de Ramón Campos Durán. Os seus delitos de "prevaricación urbanística" polos que a acusación solicitaba a inhabilitación dos mesmos, e ata a pena de prisión para algún deles, non foron considerados como tales e a Audiencia Provincial acaba de absolvelos a todos.
¿Haberá nervios e tensión no seo do Be-eNe-Gá? A verdade é que a cuestión non é para menos... Cando te metes onde non te chaman, dinche que non tes razón, e ata ves como un dos ex-edís ós que estás acusando non só non cometeu ningún delito, senón que está a piques de quitarche un concelleiro nunhas eleccións democráticas pasa o que pasa... Eu só espero que isto vos pase factura, e non xa de forma electoral, senón a nivel moral e que poñades os pés na terra para que logo a terra vos poña a cada un no voso sitio, porque enriba, o máis triste, é que sodes os artífices de que varias familias foran miradas de arriba abaixo, sinaladas, e sendo obxecto de burlas sen motivo durante anos. É como para sentir "autorepugnancia".
¿Con que cara vos sentaredes agora aí ó ladiño do alcalde señores do Be-eNe-Gá? Pois coa mesma cara dura de sempre, mirando para outro lado e repetindo que o voso único obxectivo é velar polos intereses de tódolos estradenses. Se de verdade fose así, dimitiriades dos vosos cargos.

lunes 28 de enero de 2008

Aires de troco


Respírase aire novo ó final deste túnel no que nos encerrou Rodríguez Zapatero.
O pasado sábado celebrábase en Santiago de Compostela unha Convención do Partido Popular nun pavillón repleto ata a bandeira. Din que ó redor de 10.000 persoas nos achegamos ata a capital galega para alentar ó noso paisano Mariano Rajoy e levarlle en volandas camiño da Moncloa. A organización do evento, ademais do seu excelente traballo que permitiu o disfrute da familia popular dunha incrible festa, puido presumir de terse quedado curta nas súas previsións de asistencia, e vendo a cantidade de xente que se tivo que quedar de pé, estou seguro de que se podería utilizar practicamente todo o aforamento do recinto.
O que alí se palpaba desde o momento en que o Presidente do Partido Popular entraba no Multiusos do Sar, era un estado de ánimo ansioso de troco, un sentir xeralizado de que ata aquí chegamos, unha necesidade de que alguén poña freo á decadencia que sofre o país en tódolos seus ámbitos, en definitiva, os que estabamos alí non iamos simplemente para aplaudir ó noso líder, senón que estabamos alí para dicirlle que as súas ideas claras son as que nos gustan e coas que estamos convencidos de que vai a gaña-las eleccións porque o Partido Popular é o único que emprega o sentido común e non o electoralismo "comprando" a sectores minoritarios da sociedade. Os nosos problemas e as nosas preocupacións, as de verdade, tenas moi claras o señor Rajoy, levaraas no seu programa, e por iso seremos moitísimos os que lle votaremos. Mariano recoñeceu que se sinte como nunca, os seus simpatizantes dixémoslle que estamos con el e lle axudaremos como nunca, e sabemos que despois do 9 de Marzo, el e a súa candidatura gobernarán como nunca.

jueves 20 de diciembre de 2007

Quén te viu e quén te ve...


Nun Pleno Extraordinario celebrado en A Estrada o pasado mes de Novembro aprobábase, cos votos favorables do PSOE e do BNG, a adhesión do noso Concello ó Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, mediante o cal se pretende xestionar, dende a Xunta de Galicia, os servicios sociais dos concellos adheridos a este órgano. O grupo municipal do Partido Popular expoñía diversas enmendas centradas, sobre todo, no descoñecemento das competencias coas que contaría o Concello, tanto a nivel de xestión como de contratación de persoal, sobre as diferentes iniciativas e proxectos que nun futuro se implantasen na Estrada. O debate foi extendido, e un dos argumentos máis empregados pola líder nacionalista Raquel López, era que se tódolos concellos galegos, moitos deles do PP, estaban tomando a iniciativa de adherirse a dito Consorcio, significaba que realmente era positivo para A Estrada e non tiña ningún sentido retira-lo apoio ó goberno.
Pois ben, cando xa este argumento estaba máis que esgrimido, a Señora López Doce tratou de chantaxear ó grupo Popular expoñendo que, se realmente desexaban que nun futuro próximo se constuísen na Estrada unha gardería, un centro de asistidos, etc... o mellor que podían facer era adherirse ó Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A representante do Grupo municipal do Partido Popular que se encargaba de debatir este tema, Cristina Goldar, preguntoulle a Raquel se iso significaba que no caso de non adherirse a dito Consorcio, a Consellería de Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar non ía invertir un só euro no Concello de A Estrada, para o cal non obtivo resposta por parte da Tenente de Alcalde.
Onte, escoitando pola radio a Manuel Taboada, Alcalde de O Pino do Partido Popular, preguntáronlle que conclusións sacaba da súa adhesión a este Consorcio e se tiña sido realmente beneficioso para o seu concello, para o cal respondeu que todo quedara en palabras, que fai un ano que se adheriron porque lles prometeran que, de facelo, O Pino gozaría dunha gardería e un centro xeriátrico con centro de día nun prazo moi curto de tempo, do cal non voltou a ter novas.
Como ben dicía a Señora Goldar naquel Pleno Extraordinario, o único que pretendía o BNG con esta iniciativa, que ó final se levou a cabo e veremos o que sucede, era a centralización das competencias en materia de servicios sociais en contra dos intereses dos concellos. ¿Onde quedou esa política do Bloque Nacionalista Galego de descentralización e anti-globalización? Verdadeiramente o BNG tiña unha cara na oposición, e agora ten outra ben distinta no poder. Cada quen que asuma a súa responsabilidade. Eu, non os votei.

viernes 14 de diciembre de 2007

Aquí está, o Benegá


Tan só tiveron que transcorrer dous meses dende o pacto nacional-socialista para que os socios do noso Ilustrísimo Alcalde de A Estrada Don José Antonio Dono demostrasen a súa cara, unha cara que realmente nunca ocultaron. A política "populista" dese partido político, decaente nas urnas, pero triunfalista nas institucións, quedou xa patente o pasado martes na súa Concellería de Deportes e Participación Cidadá. Xa o dicía o seu lema alá polo mes de maio, "aquí está o Benegá", pero ese lema realmente era unha ameaza que quedou plasmada nas súas accións ás primeiras de cambio. A súa tradicional confusión en canto a perxudicar ós que máis teñen para beneficiar ó resto, lévaos a cometer un grave erro coma este.
Beneficiar á celebración dunha liga local de fútbol sala nas mellores condicións posibles, algo totalmente defendible, coherente, e de sentido común, non implica perxudicar a un clube que se atopa na elite nacional do fútbol sala. E sí, dixen perxudicar, porque non é que o diga eu, senón que o propio BNG declarou que o frontón non reunía as condicións mínimas necesarias para a práctica deportiva da competición. Entón, ¿por qué o Reale se ve obrigado a adestrar tódolos luns nesas instalacións "infrahumanas"? ¿Quizáis porque total é luns? ¿Ou será quizáis porque o BNG non sabe que a maioría dos xogadores do reale cobra cada mes varias veces a inscripción dun equipo nesa liga local? Quizáis a resposta non sexa ningunha desas dúas, e a explicación dos socios de goberno do señor Dono, sexa que a elite nacional que eles entenden non debería ser a española, senón a autonómica, categoría que para eles sería máis que suficiente, e coa que lóxicamente se reducirían os orzamentos do clube.
O que teñen que saber tódolos afeccioados do Reale é, que mentres Xan Carlos Castro, Concelleiro de Deportes, con toda a súa boa fe, trataba de negociar e chegar a un acordo cos responsables do clube para poder alternarse no uso do Pavillón Coto Ferreiro, a líder do BNG, que tantas veces acusou de dictatorial ó goberno anterior do noso Concello, deixou o tema zanxado impoñendo os adestramentos dos luns do Reale no frontón.
Por iso Señor Alcalde, recapacite, porque esta xente non lle vai a traer máis que problemas e, aínda que non lle guste, pertencen ó seu goberno.

lunes 26 de noviembre de 2007

Novatada...


O pasado venres, o Concello de A Estrada convocou a tódolos seus veciños na Praza da Constitución para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A asistencia veciñal deixou moito que desexar, quizáis debido á mala organización do acto, que non se publicitou como merecía a ocasión. Hai que recoñecer que en anos anteriores o BNG organizaba este evento moitísimo mellor, pero en consecuencia transformábase nun acto partidista no cal se repartían trípticos coas súas siglas. Nesta ocasión, se a cara voltaba a se-lo motivo da concentración, e o feito tan loable de que o Concello levase por primeira vez a batuta desta iniciativa, a cruz estivo en mans dun dos partidos gobernantes, o Partido Socialista. Ademáis do "cachondeo" mostrado durante o reducido tempo que durou a concentración, debido á pouca seriedade que xa exteriorizaron noutras ocasións, os mozos de Pepiño Blanco, pancarta en man, utilizaron o acto para mostra-las súas siglas "XSG" contra a violencia de xénero. Unha cousa é que a súa organización se crease recentemente, pero de aí a cometer un erro como ese non é moi normal. Políticamente, se é que lles interesa algo, ese feito non lles axuda nada. Teñen moito que aprender. A cara tamén a puxo a prensa escrita, que nas súas publicacións do sábado, non recollían a foto que "XSG" procuraba. Vaia novatada...

miércoles 21 de noviembre de 2007

Outra de Federico







Esta mañá tiven que escoitar a última de Federico Jiménez Losantos. Todos sabemos o desprezo que esta persoa sente cara ás Novas Xeracións do Partido Popular, cuxa desaparición promoveu en diversas ocasións, pero esta vez Federico desprestixiou a esta organización sen sabelo. Son moitas as ocasións nas que este locutor manipula a opinión dos seus oíntes crendo que non entenden daquilo do que está falando, e ata, como no caso das súas palabras desta mañá, facendo alusión a algo que el mesmo descoñece. Durante a emisión do seu programa "La mañana", do cal me considero un fiel oínte de camiño ó meu traballo, Jiménez Losantos criticou ó presidente rexional do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. As súas críticas dirixíanse á súa non asistencia á manifestación que a Asociación de Vítimas do Terrorismo celebrará en Madrid este sábado. Chegou ata a burlarse da escusa de Feijoo, que xustificou a súa imposibilidade de asistir por motivos de traballo na súa comunidade, empregando como "chiste fácil" aquilo de traballar un sábado.
O que non sabe Federico Jiménez Losantos, é que este sábado as Novas Xeracións do Partido Popular de Pontevedra, celebramos o noso tan ansiado Congreso Provincial logo de varios anos de inactividade da organización nesta provincia. O que tampouco sabe o señor Jiménez Losantos, é que para nós a presencia do noso presidente rexional en devandito acto é tremendamente importante. ¿Que diría Federico se soubese da celebración deste Congreso e Feijoo acudise a Madrid á manifestación? Pois burlaríase unha vez máis de nós, e diría que o PP só quere ás Novas Xeracións para que elaboren propostas pero que despois non está ó seu carón cando ten que estar, patatín, patatán...
Señor Jiménez Losantos, Alberto Núñez Feijoo quixo estar á beira dos seus mozos nun día moi importante para eles, así que déixese de cabezonerías e preocúpese de atacar ó goberno en todo aquilo que está facendo mal, que non é pouco, porque polo menos, iso, vostede faino moi ben.

domingo 18 de noviembre de 2007

O teu equipo, o teu programa.

jueves 15 de noviembre de 2007

Bravo Irene...


Alá polo mes de Maio, o Partido Socialista de A Estrada atopouse coa que sen dúbida foi e será a campaña electoral máis fácil da súa historia. Tras unha lexislatura popular bastante pobre en canto a infraestructuras se refire, e co Plan Xeral de Ordenación Municipal sen aprobar, o PSOE presentábase con moitas posibilidades de acada-lo "troco" que tantas e tantas veces reclamaban. Sen embargo, en lugar de xoga-las súas cartas limpamente, cometeron ó meu parecer dous graves erros a pesares da súa victoria.
O primeiro erro do Partido Socialista, seguindo a liña do galego do que máis me avergoño, o Secretario de Organización Pepiño Blanco, foi o de emprega-lo insulto e a descalificación. É o máis feo e suxo que pode haber en política, e eu sempre lembrarei dous feitos: as verbas do hoxe alcalde José Antonio Dono ante os empresarios estradenses ( "se eu non son elixido alcalde, haberá que dubidar da saúde mental dos estradenses" ), e o insulto ó candidato popular Miguel De la Calle durante a festa de celebración do PSOE a noite electoral, na cal se lle comparaba coa imaxe dun porco.
O segundo erro do PSOE foi a mentira. Coñecedores de que o prato forte daquela campaña era a aprobación do PXOM, e de que o pobo estradense sería consciente de que a actual Xunta de esquerdas podería axiliza-lo proceso, Dono marcouse un prazo para conseguilo, pero non un prazo relativamente curto, senón un prazo curtísimo, seis meses...
Pois ben, gañaron as eleccións. Sería interesante coñece-la cantidade de votos que obtiveron os socialistas co seu engano ante un tema tan quente como o do PXOM. En 5 meses, soldos, pacto, non pacto, finalmente pacto, máis soldos, dedicacións exclusivas... ¿e o PXOM?
A falta dun mes para o cumprimento deses seis primeiros meses de lexislatura, a promesa electoral máis ambiciosa do noso governo local non se tocou. Todos, alomenos os que non o votamos naquela ocasión, sabiamos que era imposible facer realidade o noso PXOM en seis meses, pero aínda así desexabamos, e agardabamos, un traballo intensivo para demorar o menos posible aquela falsa promesa. Pero, ¿qué se fixo en todo este tempo? A verdade é que non o sabemos, pero vendo a grande ocorrencia que a nosa concelleira de Urbanismo, Irene Aguiar, fixo pública no día de onte, temémonos que non se fixo moito, por non dicir nada.
¿Cal é a magnífica idea que se lle ocorreu á Concellaría de Urbanismo do Concello de A Estrada? Pois fácil, imos, facilísimo.
Como o punto no que se quedara o noso Plan era a elaboración dun informe medioambental por esixencias da Unión Europea, pois pedímoslle á Xunta de Galicia a exección de A Estrada en canto á presentación deste documento e listo. Para iso, basta con presentar un informe xurídico explicando a precaria situación urbanística do noso Concello tras levar moitos anos perseguindo a aprobación dun PXOM, que cando comezou a súa andaina non precisaba da elaboración de dito informe medioambental. Esa é a forma de traballar no PXOM que adoptou a Concellaría de Urbanismo...
Qué facil se vía todo dende fora, e agora que se está dentro, a encollerse de ombreiros, pedir, e chorar tratando de dar pena.
Veremo-la decisión da Xunta, que demostrará a Galicia enteira se trata equitativamente a tódolos concellos galegos. Que vaian tomando nota en Vigo, Boqueixón e outros tantos, pois a forma máis fácil de elaborar un PXOM é, simplemente, negarse a elaboralo. Bravo Irene...

lunes 12 de noviembre de 2007

¡Viva o Rei!


Como case todo nesta vida, defender unha convicción persoal ou un valor implica, na maioría dos casos, verse obrigado a acepta-las súas consecuencias a pesares de que ás veces non nos parezan tan xustas ou incluso sexan negativas para nós. Ó contrario que sucede co aborto e o matrimonio homosexual, casos nos que as súas consecuencias negativas me levan a rexeitalos en maior medida, no caso da monarquía as súas vantaxes pódenme máis que as súas contras. Eu síntome defensor da monarquía. Certo é que o feito de posuír unha figura como a do Rei como Xefe do Estado, implica que toda unha grande familia viva a conta dos nosos impostos. Calquera que teña un mínimo de razón estará dacordo en que a riqueza da Familia Real é excesiva, pero neste caso este inconvinte non implica o meu rexeitamento. A importancia que para min ten a figura do Rei en España, lévame a aceptar que todos aqueles que se atopen na liña sucesoria obteñan a súa parte, que á súa vez se transforma en responsabilidade para eles. Realmente temos moitos gobernantes, o da nosa nación o primeiro, que non merecen un so euro dos nosos petos, e en cambio, aí están.
O 23 de Febreiro de 1981, o intento de golpe de estado a mans de certos mandos militares atemorizou a miles de familias españolas, entre elas a da miña nai, cuxo irmán se atopaba realizando o servicio militar por aquel entón. Temíanse o peor, e foi entón cando apareceu o noso Rei na televisión para transmitir a toda a población unha mensaxe de tranquilidade e normalidade.
Este pasado sábado, España estaba sendo novamente atacada, esta vez de forma verbal en boca dun dos dictadores máis represivos do globo, Hugo Chávez. Tivo que ser de novo o Rei, o noso Rei, ante a incapacidade de Zapatero para plantarlle cara a semellante impresentable, quen tivera que simplemente asoma-la cabeza para dicir cinco palabras, cinco sinxelas palabras coas que tódolos españois, ou polo menos os que nos recoñecemos como tales, nos sentísemos orgullosos do seu cargo e sigamos defendendo a súa figura.
Sen dúbida, para min, ¡que viva o Rei, Felipe, Leonor e os que veñan!

sábado 27 de octubre de 2007

¡Vergoña!



Todos sabemos, porque nalgunha ocasión fomos partícipes diso, que España é un país solidario e hospitalario; un país no que recibimos cos brazos abertos a todo aquel que desexe visitalo e incluso a aqueles que ven en España unha boa oportunidade para instalarse nela e traballar vivindo dos seus recursos. Non podemos esquecer, sobre todo os galegos, que no seu día países como Suíza, e sobre todo latinoamérica, en especial Arxentina e Venezuela, foron destinos salvadores para centos de economías españolas. Agora ben, aínda que os motivos foran diversos, á vista de todos está o futuro que acadaron ditas nacións en tan só unhas décadas. Pasaron de seren países poderosos, a vivir entre a marxinalidade e a delincuencia.
Na actualidade, coa axuda da grande idea do actual goberno socialista de "papeis para todos", estamos sufrindo unha chegada masiva de subsaharianos, sudaméricanos e inmigrantes da Europa do Este, como son por exemplo os rumanos que tratan de estafarnos cada día nas rúas das nosas grandes ciudades, en moitas ocasións empregando nenos como obxecto de compaixón.
A miña opinión persoal é que se nos está escapando das mans. Podemos comprobalo con actos como os levados a cabo por certos grupos de "latin kings", ou cando observamos como centos de rumanos se manifestan sen permiso e incluso agreden ós nosos policías cando se lles derruban as súas vivendas construídas ilegalmente. Debemos actuar. Pero...¿cómo debemos actuar?
Parece mentira que despois de tantos anos todavía teñamos que lembrar que vivimos nunha democracia, que se algo non nos gusta, disfrutamos dunhas eleccións democráticas para decidi-lo que máis convén ó noso país.
Por iso debemos condenar actos como o lamentable espectáculo ofrecido por esa personaxe do tren de barcelona, que nin merece ser mencionado, pero ante o cal debemos pronunciarnos. Se algo non che gusta vota. E se eres capaz de cair tan baixo nesta vida como para sentirte racista extremo, vota de igual forma, que para iso existen "partidos políticos" afíns á túa forma de pensar e, desgraciadamente, de actuar. Pero non poña-la man enriba a ninguén que non teña a culpa dos teus conflictos internos. E é que a imaxe de España que deches ó mundo, non é nin a de "unha", nin "grande", nin "libre", senón que creaches unha imaxe totalmente lamentable e tercermundista.
Aínda así, a min todavía me queda unha dúbida, ¿a quen debemos considerar peor?: ¿a este mozo ou ó xuiz que levou o seu caso e o deixou en liberdade sen fianza?
¡Vergoña!

miércoles 10 de octubre de 2007

Sí á ilegalización de Batasuna


Esta pasada fin de semana, charlando cuns ex-compañeiros de instituto, achegóuseme un amigo seu, tamén coñecido para min e co que tantas veces tiña falado, e así sen máis, e enriba interrompíndonos, preguntoume se cría que había que ilegalizar a Batasuna. Ante tan inesperada pregunta, e sen darlle pe a entrar nun debate que ó meu parecer non procedía naquel momento, contesteille un "sí" rotundo e seco, reflectindo no meu rostro un xesto de evidencia e convencemento, á vez que de incredulidade polo feito de ter interrompido a nosa conversa dun xeito tan absurdo. A súa reacción non foi outra que un xesto de rabia e incomprensión, á vez que movía a cabeza en sentido negativo. Evidentemente, esquivei tal provocación e dinme a volta como se non houbera visto nada. E é que nunca comprenderei ese tipo de reaccións ante algo que eu vexo tan evidente. Sobre todo cando veñen de persoas que se mostran tan lonxanas da política en xeral, e que en ocasións sacan á luz unha suposta "vena democrática" sen te-la máis mínima idea do que iso significa. E digo que non saben o que significa polo seguinte motivo:
Eu creo na política, posto que se a empregamos como debemos, todos necesitamos política. Sei perfectamente que en moitas ocasións non se emprega de forma convinte e está ben que o critiquemos e tentemos de controlalo. É a nosa obriga por vivir precisamente nun estado democrático. E é que cando algo relacionado coa política non nos gusta, ou nos parece que se empregaron mal os fondos públicos, aqueles que saen dos nosos petos, enfadámonos e dicimo-lo típico de "iso pagámolo todos". Paréceme unha reflexión democrática. Pero agora ben, se todos sabemos que ANV é o mesmo que Batasuna, que por algo no seu momento se ilegalizou a parte dela, e á súa vez todos sabemos que Batasuna é o brazo político de ETA, sen forzar moito as nosas mentes todos somos quen de chegar á conclusión de que ANV é o brazo político de ETA, é dicir, Batasuna e ETA son o mesmo. Se sabemos que ANV se atopa a día de hoxe ocupando sillóns nos salóns de plenos vascos, e somos coñecedores ademáis, de que os concelleiros cobran un soldo polo simple feito de ocupa-lo seu sillón, ANV finánciase e polo tanto ETA finánciase.
Pois queridos amigos, cando a banda terrorista ETA coloca un artefacto explosivo no vehículo do escolta dun concelleiro, como sucedeu desgraciadamente na mañá de onte, iso, pagámolo todos. E non sei vos, pero eu, como humilde demócrata que son, non pagaría nin a morte dun asasino etarra. En cambio, involuntariamente e por culpa de xente sen sentido común, estou pagando a violencia, os intentos de asasinato, e os asasinatos de compatriotas inocentes e de ben.
Sí á ilegalización de Batasuna. Batasuna = ANV.

martes 18 de septiembre de 2007

Blog Solidario


Teño que voltar a agradecer o recoñecemento que Alberto Esteban, dende La verdad os hará libres tivo co meu blog. Esta vez concedeume o Premio a Blog Solidario. Non creo que o mereza máis que outros moitos, pero moitas gracias Alberto. Para cumprir coas regras debo entregarlle o galardón a outros 7 blogs. Posto que son os que leo con maior frecuencia, volvo a entregarllo ós mesmos ós que concedín o "TBA", pola súa solidariedade con España e os españois:
, ós que engado outros 2 novos blogs:
A miña noraboa a todos eles.
As regras para este galardón son:
1.- Escribir un post mostrando o PREMIO e cita-lo nome do blog que cho regala e enlazalo ó post que te nomea. (Desta maneira poderase seguir a cadea).
2.- Elixir un mínimo de 7 blogs que creas que se destacaron algunha vez por axudar, apoiar e compartir. Poñe-los seus nomes e os enlaces a eles. (Avisalos).
3.- Opcional. Exhibi-lo PREMIO con orgullo no teu blog facendo enlace ó post que escribes sobre el e o otorgas a outros.

jueves 13 de septiembre de 2007

¡Extra! ¡Extra!


Cada mañá percorro as rúas de Santiago, camiño do estudio no cal traballo, meditando sobre o "progre"so que experimentou nos últimos anos o mundo que nos rodea. Un mundo sensible e solidario. Un mundo que se preocupou por todo aquelo que, fai case catro anos, non me deixaba durmir tranquilo. Un mundo que se preocupou por axudarnos ós máis xóvenes a contar coa posibilidade de mercarnos unha tenda de campaña de ladrillo, con tódolos servicios precisos e, enriba, varios metros cadrados máis espaciosa que as tendas de campaña convencionais. Todo un luxo. Un mundo que se preocupou por eliminar esa "secta" na que tantos españois cremos e á que chamamos Catolicismo, para inculcarnos o único valor verdadeiro: a "esquerda progre". Un mundo que se preocupou por non agoviar ós nosos xóvenes estudiantes. Ante a case imposible tarefa de aprobar tódalas asignaturas, que deixen 3 ou 4... Xa as aprobarán... Non sei por qué noutra época eramos capaces de facelo pero en fin... O mundo "progre"sa. Un mundo que se preocupou por cambiar ese concepto tan "horrendo" de "mamá" e "papá" que nos mantiña a todos reprimidos, e agora nos dá a oportunidade de chamarlle a "mamá" "papá" ou a "papá" chamarlle "mamá" ou podemos empregar novos términos como "mamá 1" e "mamá 2" ou "papá 1" e "papá 2", aínda que en momentos da súa vida conxugal "mamá" faga de "papá" e en consecuencia "papá" teña que facer de "mamá". E como iso de "mamá" e "papá" xa non importa, este mundo pensou en todo e tamén se encargou de ofrecer ós nosos críos unha alternativa ás súas primeiras palabras: en lugar de "mamá" e "papá", que aprendan o himno galego. Un mundo que se preocupou por devolver ós "políticos armados" o acceso ós concellos, para que tódalas asociacións, as terroristas tamén, poidan recibi-la súa pequena financiación. Viva a igualdade. Ou un mundo que se preocupou polos africanos máis desfavorecidos, invitándolles a xogarse a vida no mar a cambio de papeis españois. En fin, papeis... Papeis e máis papeis... Sigo camiñando e reflexionando, atraveso a Praza de Galicia e, antes de toma-la esquina, 3 brazos estendidos apúntanme ó peito con sendos xornais gratuitos de papel. É complicado esquivalos. Sintes ata vergoña se non recolles un exemplar a cada un deses empregados (eles non teñen a culpa) vestidos cada un coa súa gorra e o seu chuvasquero a xogo. Lémbranme a aquel neno das pelis que berraba "¡Extra! ¡Extra!" cando se producía unha nova de interese xeral. Agora non é un só, e ademáis vémolos tódolos días. Total, que tomo a esquina e atópome deceas de exemplares tirados pola beirarrúa ou metidos nas reixas dos portais. Nun mundo no que afortunadamente sí se produciron progresos reais, no cal as novas tecnoloxías nos permiten manternos informados minuto a minuto de todo o que acontece no mundo con tan só un "click", aparecen varias empresas de prensa gratuíta con carros cheos de exemplares, e iníciase así, a loita por ver quen os reparte antes. A xente recólleos, lense os titulares da portada e vólvenos a encartar. Son poucos os que chegan a abri-lo xornal, porque en moitas ocasións, as novas que conteñen son máis propias das revistas do corazón ou de novas e estudios de recheo típicos dos informativos de Antena 3. Os nenos que se dirixen ó colexio tamén os toman encantados, e o primeiro que fan é enrolalos e correr uns detrás dos outros golpeándose co "tocho de papel". As persoas maiores non recollen un só, van a polos tres. Ademáis de que son os que menos acceso teñen a internet, éstes sempre lles atoparán algunha boa utilidade, ben para taparse do sol nas súas tertulias ou incluso para colocar no chan da súa casa despois de telo fregado. Eu persoalmente, e despois de ter visto os seus pobres contidos, non son capaz de cometer ese erro de malgastar toda esa cantidade de papel. Tódolos xornais que cada mañá me nego a adquirir, tranquilizan a miña conciencia e me fan pensar en toda aquela cantidade de árbores que perdimos o verán pasado e do que tanto tivemos que lamentarnos. ¿E todo para qué? Para que veña esta xente a malgastar un producto elaborado cunha materia prima tan preciada. Dirán que este papel é reciclado, e iso agardo, pero aínda así, con todas esas toneladas malgastadas, estou seguro de que se houberan feito productos moito máis valiosos. Aproveitemos o progreso, pero o de verdade.

viernes 7 de septiembre de 2007

thinking blogger AWARD



¡Non mo podo crer! Alberto Esteban, dende o seu blog "La verdad os hará libres" ( http://albertoesteban.blogspot.com/ ), entregoume un dos seus cinco premios a blogs que lle fan pensar. Para min é toda unha honra, e máis aínda vindo do autor dun blog tan completísimo como o de Alberto, con posts impresionantes e un sentido común que na esquerda española brila pola súa ausencia. Con toda sinceridade, moitísimas gracias amigo. Tal como ordenan as bases deste premio, o meu blog, en calidade de premiado, debe á súa vez entregar este galardón a outros cinco. Aí van os cinco blogs que máis fan pensar a Pombo:
- "El Dorado": http://blogs.periodistadigital.com/eldorado.php
- "El Blog de Patricia Lorente": http://patrilorente.blogspot.com/
- "Cómo ser de derechas y no morir en el intento": http://prevostmazp.blogspot.com/
- "El Espantajo": http://zpespantajo.blogsome.com/
- "Es la libertad de expresión, idiotas": http://www.anghara.blogspot.com/
A tódolos premiados a miña noraboa polas súas reflexións e o seu sentido común ante o período político que nos toca vivir, e lembrarlle-las bases que deben seguir como blogs galardoados:


1.- Se, e soamente se, alguén che dá o premio escribe un post cos 5 blogs que che fan pensar.


2.- Enlaza o post orixinal para que a xente poida atopa-la orixe do premio.


3.- Opcional, ensina o botón do premio enlazando o post que escribiches dando o teu premio.

jueves 6 de septiembre de 2007

Se as urnas falasen...


Imaxinemos por un momento aquel "magnífico" vídeo de Xuventudes Socialistas. En lugar dun campo de rugby poñámoslle un grande estadio de fútbol, que nos resulta moito máis familiar, e sobre o céspede non dous partidos políticos, senón dúas equipas da elite europea do balompé como poden ser por exemplo o Liverpool e o Milán, que están a participar no maior acontecemento futbolístico do ano a nivel continental: a finalísima da Champions League. O partido está a piques de rematar e o resultado reflexa un auténtico festival de goles: 6-4 a favor do Liverpool. Chega o pitido final e os xogadores do Milán celebran a derrota e acoden a animar ós seus rivais transmitíndolles aquelo de "outra vez será". O Liverpool, despois de ter gañado o encontro, sube ó palco en primeiro lugar a recibi-las medallas que o acreditan como subcampión, e inmediatamente despois, o Milán alza o tan ansiado trofeo que o acreditará como "o rey de Europa" durante todo un ano. Alguén pensará que me estou trabucando á hora de reparti-los trofeos. Pois non, o Liverpool non foi quen de marcarlle o dobre de tantos ó Milán, que co apoio dende a grada do resto de equipas participantes nesta edición da Champions, se alzou definitivamente coa nova Copa de Europa.
É imposible pensar que un caso tan ridículo coma este se poida dar no fútbol. Sería unha auténtica inxusticia, pero desgraciadamente na política española sucede algo semellante. O partido político que non consegue o 50% dos votos non goberna aínda que sexa o máis votado, é dicir, os que gañan non gobernan, pero sí o fan, en conxunto, tódolos que perden.
Así funcionan as eleccións no noso país. Durante a campaña electoral, todo son ataques e descalificacións entre partidos. Todos mostran ideais diferentes, programas diferentes, pero ocultan un único obxectivo: gañarlle a partida ó Partido Popular sexa como sexa. Así estamos gobernados dende a Xunta de Galicia e así están gobernados en tantos e tantos concellos galegos.
O pasado sábado, no fermoso recinto do Castelo de Soutomaior, no acto de apertura dun novo curso político, Mariano Rajoy pronunciou unhas verbas que nos encheron de satisfacción a tódolos presentes e que nos arrincaron os nosos máis sinceros aplausos: "cuando yo sea presidente del Gobierno, lo primero que haré será cambiar la ley electoral, gobernará aquel que gane las elecciones".
A pesares da euforia desatada, foi triste que no ano 2.007 alguén tivese que dicir algo así. A democracia debería ter funcionado dese xeito dende sempre. Agora parece que por fin hai alguén que se compromete a cambiar esa lei electoral pero, ¿cal é o problema?
O problema é que Mariano chegará a esas vindeiras eleccións xerais coa lei electoral vixente, é dicir, que se non obtén a maioría absoluta nunca poderá mudar esa lei, posto que os demáis partidos políticos, cuxo máximo obxectivo é o de impedir que goberne o PP, nunca o apoiarían.
Agardemos que o desastre político do socialismo en España nos últimos anos leve a Mariano Rajoy a acada-la maioría absoluta, unha maioría absoluta que lle devolva ó Partido Popular, aqueles gobernos que democrática e limpamente ten gañados nas urnas.

viernes 24 de agosto de 2007

Unha "anécdota" en Durango

Hoxe 24 de Agosto, case 8 meses despois do brutal atentado na T4 do Aeroporto de Barajas en Madrid, a banda terrorista E.T.A. volveu a emprega-las bombas co obxectivo de atentar contra vidas humanas, neste caso no aparcadoiro dun Cuartel da Garda Civil en Durango, tralo cal, gracias a Deus, non temos que lamentar víctimas mortais. Este atentado saldouse con cuantiosos danos materiais, pero tan só dous gardas civís resultaron feridos levemente. Lamentablemente a banda terrorista deixa patente que volve integramente a se-la que era anos atrás. Cartas de extorsión ó empresariado vasco, kale borroka, representación nos concellos e en consecuencia financiación política, e como non, o regreso das bombas.
Pero aínda máis lamentable resulta a falta de fimeza por parte do que se supón que é o presidente do goberno español. O señor Rodríguez Zapatero non saíu a transmitir unha mensaxe que en momentos coma este precisa recibir a sociedade, sobre todo a sociedade vasca. No seu lugar, para variar, unha vicepresidenta á que, anque políticamente eu non comparto absolutamente nada do que di, admiro por da-la cara unha vez e outra tamén por un presidente cobarde dun goberno cobarde, tivo que ser quen condenase o atentado no seu nome.
Quizáis sexa mellor que suceda deste xeito. Despois de ter escoitado en máis dunha ocasión en boca de Zapatero, a denominación do atentado da T4 como "accidente", se comparamo-las consecuencias daquel atentado e do producido esta pasada madrugada, para o noso presidente éste último seguramente non sexa máis que unha simple "anécdota".
Para os que non é unha anécdota, por suposto, é para o "partido político" ANV (Acción Nacionalista Vasca). Para eles un atentado significa un golpe máis á democracia, un método de presión e de intimidación a todos aqueles políticos dos de verdade que pleno tras pleno se ven na obriga de ter que discutir e compartir un salón cos aliados da banda terrorista. No País Vasco sempre houbo, ata que foi ilegalizada, unha formación política que non condenaba os atentados. Por ese motivo e por outros moitos a súa ilegalización alonxounos da vida municipal evitando a súa financiación, e facilitando en consecuencia, o debilitamento de E.T.A. Hoxe en día están de novo ocupando sillóns en salóns de plenos de todo o territorio vasco. Se a alguén lle quedaba algunha dúbida, esta mañán produciuse a proba que demostra que os españois de ben tiñamos razón. ANV non condenou o atentado producido en Durango. ¿Será que se esqueceu de facelo ou será porque esta xente segue a se-la xente de HB ou de EH? Señores eu creo na xusticia, e sigo a pensar que un xuíz que actúa con independencia para estudiar un caso e dictar sentencia, ilegalizaría na súa totalidade a esta formación que nunca deixou de ser o que é, o brazo político de E.T.A. Estou segurísimo de que un xuíz que puidese traballar sen presións de ningún tipo tomaría medidas moito máis duras e en definitiva, reais e de sentido común, contra ANV. Xa non podemos agardar máis. Os nosos dirixentes deben tomar medidas para impedir que E.T.A. e os seus aliados sigan a mofarse dos dereitos fundamentais e da liberdade de tódolos españois.
O que sí agardo é que o Partido Socialista, despois de longas e amplas negociacións cos terroristas, que en pleno "proceso de rendición" permitiu o regreso de E.T.A. ás institucións por medio de ANV, non volte a gobernar España polo menos durante os próximos catro anos, e que o Partido Popular poida así, dar leccións de cómo se loita contra a banda terrorista sen medo nin cobardía.

domingo 29 de julio de 2007

"The new reds" (Os novos roxos)





Pouco antes do cambio de goberno na Estrada, o PSdeG do noso concello creou a organización de Xuventudes Socialistas. Presentados por eles mesmos como "The new reds" no seu XXIII Congreso Federal Ordinario Nacional, as mozas e mozos de Zapatero, Rubalcaba e Pepiño Blanco demostran a súa falta de capacidade para facer unha presentación que os defina coma unha organización que busca ese progreso que din, e sobre todo, son incapaces de definirse sen mencionar ó Partido Popular. Soamente hai que compara-lo video de presentación de "Nuevas Generaciones" no seu último Congreso Nacional: http://es.youtube.com/watch?v=If4bmZkiQgA , coa presentación da que falaba do último Congreso Federal Ordinario Nacional levado a cabo por "Juventudes Socialistas". Nun primeiro vídeo aparecen transformados nun equipo de rugby enfurecido representando o típico baile e grito de guerra que os inspirará para vencer: http://es.youtube.com/watch?v=bdkehWBoh2E&mode=related&search . Nun segundo vídeo: http://es.youtube.com/watch?v=Yf72c_QzhKw&mode=related&search , "The new reds" enfróntanse ó Partido Popular. Non tendo capacidade para enganchar ós xóvenes sen emprega-lo nome do noso partido, crean esa crispación da que tanto nos acusan ós cidadáns de dereitas. Arrinca o partido e "The New reds" faise co balón simbolizando o poder que ostentan. Aparecen un par de zeppelins no ceo, coas mesmas cores que o equipo rival, co rostro de Xosé María Aznar e a palabra "intolerancia". Inmediatamente "Os Novos Roxos" comezan a recibir golpes e cobadazos dos xogadores rivais, que levan tatuados nos seus brazos "E.T.A." ou "F.A.E.S." Asímesmo aparecen máis zeppelins coas palabras "desigualdad" e "crispación". Nese intre un dos xogadores roxos recibe o balón e percátase do que está a acontecer nos zeppelins, sinálaos cun xesto de rabia e lanza o balón cara a eles. Ese balón, curiosamente, transfórmase nun mísil que se dirixe cara novos zeppelins, entre eles o do rostro de Mariano Rajoy, e acaba impactando contra un zeppelin coa inscripción "retroseso".
Desgraciadamente, os rapaces do "NON Á GUERRA" caen na súa rabia e no seu odio contra o Partido Popular e propoñen a violencia para acabar con el. Esta é a grandiosa presentación que foron capaces de elaborar aqueles que se din demócratas.
Eu agardo e deséxolles que teñan un futuro mellor que o seu presente. Non sei se "The New Reds" da Estrada estará dacordo con esa liña da súa organización, pero lamentablemente, e despois de ve-las súas pegatinas de "O que sabe non pica" sobre a propaganda electoral das demáis forzas políticas, de consenti-la presencia de carteis coa cara dun porco e o nome do alcaldable popular Miguel De la Calle na súa festa de celebración tra-la victoria electoral, e de ver como agora acoden ós plenos, non a ver e escoitar política, senón a berrar e rirse a gargalladas dos demáis portavoces e ovacionar e aplaudir ó seu "dono da Estrada" coma se fora unha feira, semella que estarán orgullosísimos dese vídeo tan traballado. Eu recoméndovos que olledes o vídeo porque a verdade é que non ten desperdicio.